Saturday 11 de May de 2024

Comezan as obras de saneamento e pavimentación en Ousoño, nas que o Concello de Noia inviste máis de 78.000 euros


Os traballos teñen un prazo de execución dun mes e inclúen a instalación de novos colectores e a pavimentación interior da aldea

O Concello de Noia vén de iniciar as obras de saneamento e pavimentación interior na aldea de Ousoño, na parroquia de Barro, nas que inviste máis de 78.000 euros. Uns traballos que está a executar a empresa Fermín Simal e que contan cun prazo de execución dun mes.

O alcalde de Noia, Santiago Freire, explica que “as obras consisten na mellora da rede de saneamento no lugar de Ousoño coa instalación de novos colectores e a separación das augas pluviais. Posteriormente procederemos á pavimentación interior con aglomerado deste núcleo, cuxos viarios están actualmente moi deteriorados”. Unhas canalizacións que engancharán coa rede xeral de saneamento municipal.

Estas obras, incluídas no Plan de Acción Social da Deputación Provincial da Coruña, contaban cun orzamento inicial de algo máis de 130.000 euros e foron adxudicados á empresa Fermín Simal por 78.000 euros. Esta importante redución, xustificada axeitadamente pola empresa, unida ao feito de que á licitación se presentaron unha ducia de empresas, impediu que as obras puideran iniciarse en maio, como estaba inicialmente previsto. “Agora que xa están en marcha, agardamos que estean acabadas a finais de xullo”, indica o alcalde noiés.